Andrés Núñez Rajoy
Recuperar a dignidade. Costas-Oltra
Coinciden neste mes de abril dous grandes recoñecementos da dignidade. O día un recoñécese a dignidade perdida á ex-Vicepresidenta do Goberno Valenciano, e líder de Compromís, Mónica Oltra e a mediados ao ex-Primeiro Ministro portugués Antonio Costa. Poderíamos dicir que a "Operação Influencer"(nome da investigación) foi un calco do proceso que se lle fixo a Mónica Oltra. Un "lawfare" de libro. En ámbolos dous casos o proceso terminou cun cambio de goberno. Era iso o que pretendían tanto xuíces como fiscais? Cambiar os gobernos valenciano e portugués?. Os medios de comunicación, na súa inmensa maioría, cebáronse cos dous, e por riba sen aportar probas. Unha vez libres de cargos eses medios non recoñeceron o seu erro na comunicación.
No caso da Vicepresidenta do Goberno Valenciano e Conselleira de Igualdade, o xuíz investigaba si ela, ou xente do seu equipo, fixeran algunha manobra para ocultar datos nun caso de abusos sexuais a unha menor tutelada, que estaba en acollida nun centro da consellería da que Mónica Oltra era titular. O caso era de abusos por parte do exesposo de Mónica Oltra. Fora condenado a cinco anos de cárcere no ano 2021. A avogado defensor da menor, era un famoso fascista líder da organización España 2000, tamén a acusación popular levábaa a fundadora de Vox no País Valencià Cristina Seguí. Ofrécenlle á menor defensa de balde, traballo e un piso en Madrid (como ela recoñeceu no xulgado). En canto viron como asociar o nome de Oltra, comezou a cacería. A ultradereita comezou a usar á vítima políticamente. O PP, resentido pola perda da Generalitat subéuse ao carro. O 7 de abril de 2022 Oltra presenta unha foto nas Corts mentres dicía : "seguide os rastro dos cartos". Nesa foto estaban Alberto Rosa, Francisco Camps e Cristina Seguí. Alberto Rosa era o director executivo de Ribera Salud, que xestionou dous hospitais públicos cos goberno do PP e que co goberno do Botanic foi devolto á Sanidade Pública, tamén é o irmán xuíz Fernando de Rosa e exconseller de Xustiza da Generalitat Valenciana, con Camps de presidente. Fálase da perda de 100 millóns de euros por ano. Francisco Camps é o de sempre. Cristina Seguí xa non segue en Vox por ser moi brando. En Madrid Casado atacaba a Pedro Sánchez con este tema, na Comunidade Valenciana Carlos Mazón, actual presidente da Generalitat valenciana, atacaba a Ximo Puig.
Moita presión, Oltra dimite o 21 de xuño 2022, con dúas frases: "Voume coa cara ben alta e cos dentes apretados" e "Non vou ser a súa coartada para expulsar a Compromís do Goberno". A xustiza, e o tempo, déronlle a razón. O maxistrado , Vicente Ríos, pon no auto:"Todos y cada uno de los indicios que fundamentaron en su momento las imputaciones judiciales provisionales contra las personas investigadas se han desvanecido por completo una vez practicadas todas las diligencias necesarias encaminadas a determinar la naturaleza y circunstancias de los hechos investigados". O portavoz de Compromís nas Corts Valencians di: "que demostran estes folios é que a dereita e a extrema dereita necesitaron arrouparse dunha mentira para poder gañar as eleccións".
"Quero dizer, olhos nos olhos aos portugueses, que não me pesa na consciência a prática de qualquer ato ilícito, ou sequer de qualquer ato censurável", foron as palabras que Antonio Costa pronunciou en São Bento, residencia do Primeiro Ministro portugués cando presentou a súa dimisión. Antonio Costa manifestouse sorprendido e recoñecía que se sentía ser o branco da investigación do Ministerio Público (Fiscal Xeral) sobre proxectos de litio e hidróxeno.. A Fiscalía informou que varios sospeitosos falaron da implicación de Costa, nese caso, por "traballar para desbloquear procedementos administrativos". As alegacións ían ser analizadas en investigación autónoma. Ese día Costa presenta á dimisión ao Presidente da República Portuguesa. "Obviamente, apresentei a minha demissão ao senhor Presidente da República". Antonio Costa sempre manifestou, ao igual que Mónica Oltra, dende o primeiro momento a súa inocencia, aínda así e todo presentou a súa dimisión porque "a dignidade do Primeiro Ministro era incompatible coa máis mínima dúbida da súa honra". Desde que Antonio Costa presentou a dimisión, a Físcal Xeral do Estado portugués, Lucília Gago foron obxecto de crítica por non dar explicacións nin probas
O 17 de abril deste ano o Tribunal da Relação de Lisboa (Tribunal de Apelación) di que non apreciou indicios de delito na "Operacão Influencer"polo que rexeita o recurso presentado pola Fiscalía Xeral portuguesa ás medidas cautelares (fianza de 150.000 euros e a prohibición de saír do país) que se lle aplicaron aos sospeitosos. O mesmo Tribunal manifesta que os feitos pescudados "non son, por si sós integradores de ningún tipo de delito, que non hai tráfico de influencias". Todo estaba baseado en escoitas mal transcritas e cargos rebaixados. Máis todo isto fixo caer ao goberno de Costa.
Nin Antonio Costa, nin Mónica Oltra admitiron ningún tipo de culpabilidade. Os dous dimitiron. O dano xa está feito. Na Comunidade Valenciana despois das eleccións do 2023 goberna o PP en coalición con Vox. En Portugal convocáronse eleccións lexislativas. O día 10 de marzo pasado chega ao poder un novo Goberno de centrodereita encabezado por Luís Montenegro do Partido Social e Demócrata (o PP portugués) e unha importante suba da extrema dereita representado por Chega. Todo isto semella un caso claro de "lawfare", nin houbo trato de manipulación e favor no caso de Oltra, e "não há crime" no caso de Costa. Hai persoas ás que se lles quitou a dignidade. Agora hai que repoñerlla, e como? Parece que Antonio Costa poder ser o próximo presidente da Comisión Europea e, Mónica Oltra que? Moita xente da esquerda dimitiu en casos de denuncias falsas. O primeiro foi Demetrio Madrid, do PSOE, como Presidente de Castela e León (logo veu Aznar aproveitando o caso) que catro anos despois foi declarado inocente. Demetrio Madrid dixo, nunha entrevista en El País, que "iso que chaman lawfare funcionou desde sempre".
A esquerda, tanto por ética, como por estética, comproulle a mensaxe a dereita e acordou que se dimitiría en caso de investigado (antes imputado), mais quedaron con cara de parvos cando ven que aos responsables políticos da dereita, ou por unha cousa ou por outra nunca os acaban imputando, "a las pruebas me repito" (Manquiña dixit en Airbag). Non falemos xa dos casos de ética, e tamén de estética, que parece que aínda presumen, imaxinemos o tempo que duraría en Francia ou en Alemaña un líder que pasea na lancha dun narco ou familias con grandes comisións, non será delito pero non é ético nin estético. O exposto lévanos a unha reflexión: "pode un goberno de coalición con maioría de goberno, no caso valenciano, ou un goberno con maioría absoluta caer por un proceso que, ao final, acaba en nada? A resposta é moi dura, non só pode, senón que cada vez é máis posible. Os portugueses teñen claro que houbo unha inxerencia do poder xudicial no poder político como no caso de Mónica Oltra. O dano xa está feito, e "nunca" hai responsables de nada, é moi difícil a restitución. Os tempos xudiciais e os tempos políticos non coinciden, o caso de Costa solucionouse en catro meses e medio, no de Oltra, sen contar a persecución previa, tardou case dous anos desde que presentou a dimisión. A esquerda ten unha materia pendente nestes casos sobre a que ten que reflexionar sobre como actuar diante destes casos de lawfare, o mesmo Demetrio Madrid reflexiona dicindo que "ten unha dobre sensación si foi ou non unha decisión acertada a súa dimisión". Pois iso, "dignidade".