Dani Antelo
Cine, cine, cine
Consuma Cinema Galego que atopará nas principais plataformas dixitais, acuda a unha sala de cine onde aínda pode ver a película que esperta a súa curiosidade ou asista a ese ciclo organizado polo centro cultural da súa parroquia.
Poder gozar do cine autóctono é un privilexio que non todos os recunchos do mundo poden permitirse.
Este sábado terán vostedes a fortuna de presenciar o gran festival do Audiovisual Galego, os Premios Mestre Mateo: vintecinco estatuíñas repartidas entre as mellores producións televisivas e cinematográficas “made in Galicia”.
O audiovisual que lle representa; o que nos representa a todos e todas.
Se a campaña do Partido Popular nas eleccións que deron a Feijóo o seu cuarto mandato foi Galicia, Galicia, Galicia, o lema da actual Consellería de Cultura do goberno de Rueda debería ser Cine, Cine, Cine, e que o investimento en Cinema Galego é un investimento de País que ten que estar por riba de tinguiduras políticas. Madurar neste sentido é saber ler o panorama actual.
A aposta polo cinema local non é exclusiva do Audiovisual Galego, non é un capricho dun colectivo ou sector concreto, senón que forma parte da estratexia adoptada por aquelas rexións, aquelas identidades e culturas que queren ser exemplo. Coñecedores da súa influencia sobre a conciencia colectiva, non é casual que Rusos e Norteamericanosfixéseno desde as memas orixes da sétima arte.
Como outras industrias, o Cinema Galego foise internacionalizando para converterse nun produto máis desa marca Galicia Calidade.
A arte cinematográfica producida na nosa Terra deixa pegada nos festivais máis prestixiosos do circuíto internacional.
Os galegos e galegas debemos sentirnos orgullosos e orgullosas de que películas rodadas integramente na nosa lingua teñan sido eloxiadas pola crítica nos últimos anos. Como O Corno, dirixida por Jaione Camborda, que recibiu a Concha de Ouro á Mellor Película na pasada edición do Festival de San Sebastián, ou Matria, debut do vigués Álvaro Gago nunha longametraxe de ficción e polo que era nomeado este ano aos Goya como mellor director novel, María Vázquez a Mellor actriz e Janet Novás premiada como mellor Actriz revelación.
Como toda corrente recente é lóxico crer que o Novo Cinema Galego farase un oco no sentir común na medida en que se dea a coñecer. Aínda que xa apuntaba maneiras, a transcendencia do noso cinema comeza agora e faino creando unha denominación de orixe propia, cun marcado carácter que emana das nosas raíces máis profundas, culturais e sociais.
É importante entendelo como un fenómeno salvagarda da nosa identidade, que a mantén á boia nun planeta globalizado, que nos amosa cara os demais tal e como somos, pero ao mesmo tempo, tamén nos axuda a reflexionar sobre nós mesmos de igual xeito que o fixeron outras disciplinas artísticas como a literatura, a pintura ou a música.
Este é o momento do noso cinema.