Luis López critica o "enésimo desprezo" do Goberno á provincia ao descartar a construción dunha autovía a Ourense
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, criticou este venres o "enésimo desprezo que a provincia de Pontevedra ven a sufrir por parte do Ministerio de Transportes".
Refírese o mandatario provincial á decisión do Goberno central de descartar a construción dunha autovía entre Pontevedra e Ourense polo interior ao "existir outros itinerarios de vía de alta capacidade".
Esta infraestrutura era unha das peticións formuladas no Pacto de Pedre para mellorar a seguridade viaria tras o accidente dun autobús na Noiteboa de 2022 na N-541.
Luis López enmarcou esta decisión do ministro Óscar Puente xunto a outras noticias negativas para a provincia como o retraso da chegada dos trens Avril "que ademais serán os segundos máis lentos de toda a rede" ou as obras no aeroporto de Peinador "xusto cando se celebran eventos internacionais como é a feira Navalia, non parece que sexa o mellor mes para realizar esas obras".
O presidente da Deputación de Pontevedra tamén insistiu en que nesta provincia "temos as once estradas de titularidade estatal nun estado lamentable" e que "nada sabemos de obras para o seu mantimento, conservación", unha reivindicación que abandeira esta Deputación.
"Desde a Deputación de Pontevedra quero instar ao Ministerio de Transportes a que aclare se este proxecto se garda definitivamente no caixón", manifestou Luis López.
O presidente provincial insiste en que esa autovía polo interior da provincia, a través de municipios como Cerdedo-Cotobade ou Forcarei "é clave para mellorar as comunicacións da nosa provincia".
"A verdade é que agardo respostas deste Ministerio" dixo o presidente da Deputación en referencia ao ministro Oscar Puente "unha persona moi locuaz sempre dando respostas a todas e a cada unha das cuestións que se plantexan, ainda que sexa por Twitter".
Luis López tamén afirmou que o proxecto no que traballa o Goberno de España para completar o asfaltado integral deste tramo "son migallas, que con migallas non se solucionan os problemas da rede viaria" polo que demandou que "non queremos parches, non queremos remendos, queremos actuacións integrais das estradas nacionais".
Relacionadas:
-
A Deputación porá en marcha un novo asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Conclúe a reforma da ponte de Pedre na que se accidentou un autobús na Noiteboa de 2022
Por Redacción |
-
López preocúpase pola "escasa" cifra económica que o Ministerio de Transportes investirá na mellora da rede de estradas
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación de Ourense demanda a reforma integral da N-541 e unha vía de alta capacidade con Pontevedra
Por Redacción |
-
O Pacto de Pedre reclamará, a instancias de Pontevedra, unha autovía ata O Carballiño con conexión con Lalín
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |