O Goberno provincial mobiliza 1,5 millóns de euros en actuacións en materia deportiva, normalización lingüística e investimentos
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada á primeira hora desta mañá e na que se mobilizaron 1,5 millóns de euros destinados a actuacións en materia deportiva, en normalización lingüística e para investimentos municipais.
Así, o goberno provincial adxudicou o patrocinio dos partidos da selección de balonmán en Porriño e en Lalín por 179.000 euros. Concretamente, trátase do partido clasificatorio do Campionato de Europa feminino entre España e Acerbaixán que se disputará o 7 de abril en Porriño e o partido clasificatorio do Campionato do Mundo masculino entre España e Serbia que se xogará en Lalín no 8 de maio.
Ademais, dentro do Plan Extraordinario de infraestruturas deportivas aprobáronse dúas axudas que teñen como beneficiarios aos concellos de Baiona e A Estrada. Serán 81.000 euros para reformar o campo de fútbol do Aral, en Baiona e 120.000 euros para mellorar as piscinas municipais da Estrada.
A Deputación de Pontevedra tamén destinará 200.000 euros aos servizos de normalización lingüística. Trátase de subvencións para crear, manter e reforzar estes servizos, cun máximo de 35.000 euros no caso da creación e de 25.000 para o seu mantemento e reforzo. Os beneficiarios serán os concellos de menos de 50.000 habitantes, entidades locais menores ou mancomunidades.
Finalmente, na Xunta de Goberno Provincial deste martes aprobáronse 950.000 euros en axudas do Plan +Provincia con actuacións nos concellos de Baiona, Barro, Cambados, A Estrada e Mondariz.
Serán máis de 650.000 euros enmarcados na liña 1 deste Plan destinada para investimentos coas que A Estrada recibe 455.000 euros cos que, sumados ás axudas do Plan Extraordinario de infraestruturas deportivas, poderá financiar ao 100% a mellora das piscinas municipais. O mesmo ocorre co outro beneficiario que é o concello de Baiona que recibe 327.000 euros do Plan +Provincia co que a Deputación lle financiará na súa totalidade a actuación no campo de futbol de Aral. Por último, Mondariz recibe 73.000 euros que suma ás axudas do plan PON 2030 co que alcanza un total de 400.000 euros para sufragar o 100% da reforma do campo de futbol da Lagoa.
Dentro do Plan +Provincia a Deputación aproba 295.000 euros para contratar a 24 persoas desempregadas nos concellos de Barro e Cambados.
Relacionadas:
-
34 persoas serán empregadas en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro con financiación provincial
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación licita a conservación integral da rede viaria provincial e esixe ao Ministerio que mellore o firme da súa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación aplaude o traballo de entidades como Autismo Bata
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta catro proxectos ao Plan +Provincia por valor de case 1,2 millóns de euros
Por Redacción |
-
Novo plan de formación con máis de 100 cursos para empregados públicos da provincia
Por Redacción |
-
66.000 euros do Plan +Provincia permitirán mellorar Costa de Arriba
Por Redacción |